21 decembro 2023

RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE NADAL

 Ola rapazada:

Deíxovos aquí as nosas recomendacións lectoras de Nadal agardo que pasedes moi boas festas e que compartades os vosos momentos de lecer cunha boa lectura.


20 decembro 2023

DÍA DO EMIGRANTE

 Boas rapazada:

Como vai todo? Hoxe estou moi leda, xa sabedes que cada ano escollemos unha data para celebrar que se relacione co noso PDI que este curso versa ao redor dos países do mundo e chamamos Libeteca na túa maleta.

E por este motivo o luns día 18 de decembro tivemos unha celebración na nosa escola moi especial, celebramos o Día do Emigrante, e para esto tivemos a sorte de contar con varias familias extranxeiras que viñeron a montar un stand con información do seu país.

Foi unha actividade  marabillosa xa que puidemos aprender e gozar de numerosas culturas diferentes e que as familias se implicaron dunha maneira excepcional tanto nos preparativos desta xornada coma na realización da mesma. 

Por este motivo estamos moi agradecidas tanto ás familias coma ao resto da comunidade educativa xa que resultou unha xornada moi productiva e para que poidades lembrar e gozar connosco deste día deixámosvos un vídeo resumo da actividade. 


MIL GRAZAS FAMILIAS E FELIZ DÍA DO EMIGRANTE PARA TODOS E TODAS!!!

13 decembro 2023

MES DA CIENCIA

Boas rapazada:
Durante o pasado mes de novembro estivemos a celebrar o MES DA CIENCIA na nosa biblioteca, para esto fixemos tres actividades, unha tanda de experimentos con tres nais que viñeron achegarnos á ciencia dunha maneira lúdica e tendo a sorte de que unha delas é científica, outros grupos de alumnado fixeron experimentos coas mestras do equipo de biblioteca e o alumnado de 6º foi ata os museos científicos da Coruña. 
Aquí vos deixamos un vídeo para que vexades o ben que o pasamos e canto desfrutamos neste mes da ciencia. 
Moitas grazas a todos e todas por participar e cunha mención especial para Carmela, María e Yanira por vir compartir o seu tempo e os seus coñecementos co noso alumnado. 
Saúdos 
Libeteca
 
Mes da ciencia de SANDRA ÁALVAREZ ALONSO

24 outubro 2023

SAMAÍN NA BIBLIO

 Boas rapazada:

Como vai todo? Como xa sabedes achégase unha época do ano que é terrorífica… e para celebrar esta data entre libros e lecturas preparamos a nosa biblio para a ocasión.

Aquí vos deixo un pequeno vídeo para que vexades que fermosa está e a ver se sodes quen de atopar á “intrusa”.


Saúdos Libeteca !!!

DÍA DAS BIBLIOTECAS

 Boas rapazada:

Como xa sabedes, hoxe día 24 de outubro é un día moi importante para min xa que é o día Das Bibliotecas e o do meu segundo aniversario…

Para celebralo fixemos dúas actividades por unha banda para o alumnado e por outra para as familias. 

A actividade que realizamos co ALUMNADO consistíu en que eu, Libeteca, fun de clase en clase cunha maleta cargada de cousas e cunha axudante estupenda que neste caso, foi Paula de 6ºA. 

Seguro que vos estaredes pensando que pintaba eu cunha maleta, pois ben, como xa sabedes este ano o noso PDI chámase LIBETECA NA MIÑA MALETA e vai tratar de investigar sobre diferentes países do mundo, e para isto fun de clase en clase coa miña maletiña e entreguei unha bandeira do país que lle toca investigar a cada aula e uns pasaportes aos que chamamos Libepasaportes.

Cómpre sinalar que temos dous modelos de Libepasaporte un para o alumnado de infantil,onde imos traballar de maneira individual traballando o país que lles toca investigar e por outro o de primaria, no que imos traballar en grupo onde se pode obter un selo por cada un dos catorce países que imos traballar na escola. 



É moi importante que permanezades atentos ás nosas redes e ás caixas de correo do cole , para estar informados sobre esta actividade, e poder conseguir ser uns auténticos Libetequeiros Viaxeiros e conseguir completar o Libepasaporte e así conseguir un pequeno agasallo.

E rematamos o día das Bibliotecas cunha actividade para as FAMILIAS, e consistíu na primeira xuntanza deste curso do noso Café con Letras e que aproveitamos para comentar o libro Pan de Limón y Semillas de Amapola de Cristina Campos, e adozar o momento coa nosa propia versión do pan de limón.








Estamos todas moi ledas porque o noso clube de Lectura está medrando a pasos axigantados e suscitando un grande interese entre as familias.
GRAZAS A TODAS POR PARTICIPAR!!!!!


15 outubro 2023

16 DE OUTUBRO, DÍA DAS ESCRITORAS

 Boas rapazada:

Como vai todo? Como xa sabedes, o vindeiro luns día 16 de outubro é o día Das escritoras, e nós dende Bibliolibeteca quixemos facerlles a nosa pequena homenaxe dende a nosa Xanela, na cal fixemos unha escolma de diferentes lecturas de varias das nosas autoras. 

Aquí vos deixo as fotos da nosa Xanela para que poidades gozar connosco deste Día das Escritoras.






27 setembro 2023

QUENDAS DE RECREO

 Boas rapazada:

Como vai todo? Como xa sabedes o vindeiro luns abrimos de novo as portas da nosa biblio para todos vós, e comezamos cos bibliorecreos. E para que saibades cando podedes ir aquí vos deixo os calendarios de todo o curso para os teñades a man e nunca vos esquezades de cal é a vosa quenda.



QUENDAS BIBLIO de SANDRA ÁALVAREZ ALONSO
' '




' '






,


26 setembro 2023

CAFÉ CON LETRAS

 Boas rapazada:

Como xa sabedes o curso pasado puxemos en marcha o noso Club de Lectura para adultos, que chamamos Café con Letras, e no cal compartimos as nosas impresións sobre un libro, previamente lido por todas as participantes e  aderezado cun café. 

Pois neste curso e debido ao éxito da actividade durante o ano pasado, decidimos continuar coas nosas xuntanzas do Café con Letras, a nosa primeira cita terá lugar o martes día 24 de Outubro, que coincide co Día Internacional das Bibliotecas Escolares, ás 17 horas  e o libro que comentaremos será PAN DE LIMÓN Y SEMILLAS DE AMAPOLA de Cristina Campos. 

De seguido deixovos un cartace con todos os detalles. Non esquezades confirmar a vosa participación enviando un correo á bibliolibeteca@gmail.com.




21 setembro 2023

FORMACIÓN DE USUARIOS PARA O PROFESORADO

 Boas rapazada:

Estas semaniñas previas á apertura de Bibliolibeteca estamos facendo FORMACIÓN DE USUARIOS, e comezamos co profesorado. 

Para isto convidamos tanto ao profesorado novo coma ao antigo do centro a un CAFÉ CON GUÍA, e isto consistíu en asistir á biblio durante o recreo para compartir un café e un doce comentando o funcionamento e as novidades da biblio durante este curso. 

Aquí vos deixamos unhas fotiños para que vexades canto aprendeu o profesorado nestas visitas e o ben que o pasamos.




 Nas vindeiras semanas imos facer a formación de usuarios co alumnado, e tamén vos iremos informando.

Saúdos , Libeteca

HORARIOS CURSO 2023-2024

 Boas rapazada:

Como vai todo? Como xa sabedes estamos traballando arreo para abrir a biblio o vindeiro día 2 de outubro. 

E para ir organizándonos deixovos aqui os horarios. 

Por unha banda o horario dos bibliorecreos para saber cando podedes ir á biblio, por outra o horario das mestras do equipo de biblioteca para que saibades cando podedes atoparnos para solucionar todas as vosas dúbidas, e para rematar o horario que ten reservada cada titoría para acudir coas súas mestras/as. 





Un saúdo Libeteca!!

05 setembro 2023

PDI CURSO 2023-2024

 Boas rapazada: 

Xa estou de volta das vacacións de verán, e a verdade é que volvo con moitas novidades e con moitas gañas de traballar. 

E para isto o primeiro que me gustaría comentarvos é que a temática máis votada nas enquisas de avaliación durante o pasado mes de xuño foi a dos Países do Mundo, e polo tanto ese vai ser o obxecto de investigación do vindeiro curso.   

Xa sabedes que cada ano lle poñemos un título ao noso PDI e este ano é LIBETECA NA MIÑA MALETA!!!

 Auguro que este será un ano onde vou viaxar moito e coñecer novos lugares e facer moitos amigos de diferentes lugares do mundo.

Saúdos 

Libeteca!!!

23 xuño 2023

GRAZAS GARDABIBLIOS

 Boas rapazada:

Hoxe teño sentimentos encontrados, xa que por unha banda estou moi agradecida polo gran traballo que fixestedes os gardabiblio ao longo de todo o curso e por outra estou un chisquiño morriñosa por terme que despedir dos meus amiguiños e amiguiñas de sexto.

As miñas axudantes prepararonlle unha orla e un pequeno agasallo a todos eles por adicar o seu tempo de lecer a traballar na biblio!!! 

Moitas grazas a todos os nosos gardabiblio e xa estamos desexando continuar a contar cos axudantes de 5º e ter novas fixaches.

GRAZAS RAPAZADA!!







11 xuño 2023

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN

 Boas rapazada:

Aquí vos deixo as nosas recomendacións lectoras para este verán. Agardamos que vos gusten, e que leades moito durante o verán.


Saúdos

Libeteca

28 maio 2023

O NOSO CAFÉ CON LETRAS SAE NA PRENSA

 Boas rapazada:

Hoxe estou moi leda, porque como xa sabedes no noso Café con Letras lemos o libro de Jordi Cicely "Mariela envenena mis sueños",e tivemos a sorte de contar co autor na nosa biblio, e posteriormente saímos na prensa tal é como se pode ver na seguinte fotografía. 


 Se pinchades no seguinte enderezo podedes ler a nova no xornal:VISITA DE JORDI CICELY

Moitas grazas Jordi por vir pasar unha tarde a nosa Libeteca.

23 maio 2023

COMUNICADO II XORNADA DE PORTAS ABERTAS




 

XORNADA DE PORTAS ABERTAS PARA DAR A COÑECER O NOSO PDI SOStendo AO PLANETA

 Boas rapazada:

Hoxe estou moi leda e á vez moi nervosa xa que é a xornada máis esperada por min de todo o curso, xa que a escola enchese de familias para dar a coñecer o traballo realizado ao longo de todo o curso ao abeiro do PDI SOStendo ao planeta. 

Aquí vos deixamos un vídeo resumo do que realizamos ao longo destes meses que agardamos que vos guste e nos axude a que entre todos nos concienciemos e logremos un planeta mellor.


Aquí vos deixamos outro vídeo onde se poden observar cun maior detalle de todas as nosas exposicións para que nos quede de lembranza e tamén para que gocedes delas todas aquelas familias que non puidestedes acudir a nosa II XORNADA DE PORTAS ABERTAS.

03 maio 2023

ENTREGA DE PREMIOS DO CONCURSO RECICLA O TEU LIBRO

 Boas rapazada:

Como xa sabedes o Día do Libro publicamos os gañadores do noso concurso Recicla o teu libro. Pois o venres terá lugar a entrega de premios para os gañadores e un detalliño para todos e cada un dos participantes.

Aquí vos deixo máis detalles do aconteemento, e moitisimas grazas a todos por participar!!!



Aquí vos deixo un vídeo resumo da entrega de premios, foi un concurso moi gratificante para todos e todas e xa estamos pensando no seguinte !!



MOITAS GRAZAS A TODOS E TODAS POR PARTICIPAR!!
SAÚDOS, LIBETECA!!


RESUMO SEMANA DO LIBRO

 Boas rapazada:

Como xa sabedes fai uns días tivemos no cole a Semana do Libro e por  iste motivo fixemos numerosas actividades que queremos lembrar neste pequeno vídeo resumo que vos deixamos de seguido. 

Moitas grazas a todos e todas por facer posible estas actividades e agardamos que vos guste o noso vídeo resumo!!

Saúdos, Libeteca!




24 abril 2023

CAFÉ CON LETRAS

 Boas rapazada: 

Como xa sabedes neste curso puxemos en marcha un clube de lectura para profesorado e familias onde ademais de compartir as nosas experiencias sobre o libro que lemos previamente compartimos un café e unhas conversas interesantes. 

Para rematar o curso cun bo sabor de boca ímos ler un libro de desamor dende o punto de vista masculino, chámase Mariela envenena mis sueños e o autor é Jordi Cicely, un autor lucense.

En función do número de participantes contaremos tamén coa visita do autor para compartir con el as nosas opinións.

Agardamos remtar as citas do noso Café con Letras con moitas familias. 

Lembrádevos de confirmar a vosa asistencia a través do correo da biblio, bibliolibeteca@gmail.com



23 abril 2023

RESOLUCIÓN CONCURSO RECICLA O TEU LIBRO

 Boas rapazada:

Hoxe estou moi leda, por varios motivos, o primeiro porque é o Día do Libro e para calquera mascota de calquera biblioteca do mundo é un día moi importante e a segunda porque estou aquí para desvelarvos a resolución do concurso RECICLA O TEU LIBRO.

Antes de dar a coñecer aos gañadores e para darlle un chisquiño de emoción quero darvos as grazas pola vosa participación, xa que o concurso foi un gran éxito e todos estamos abraiados primeiro pola grandísima participación que tivemos e segundo pola calidade e a orixinalidade das obras presentadas.

Cómpre dicir que o xurado tivo un traballo dificilísimo e para que teñades unha proba disto deÍxovos aquí un vídeo resumo con todos os traballiños participantes :

                           


Antes de dar a coñecer aos tres gañadores gustaríame agradecervos a todas as familias a vosa participación e a adicación do voso tempo en facer estas verdadeiras obras de arte. Foi un pracer para todos os membros do equipo da biblioteca recibir estas auténticas marabillas. 
Unha vez dito isto só me queda darvos os parabéns a todos e cada un de vós polo voso traballo e de seguido dar a coñecer aos gañadores.

Temos que facer unha aclaración sobre a maneira en que aparecen os tres gañadores,xa que están colocados de menor a maior idade, non tendo nada que ver a resolución do concurso posto que temos tres gañadores, non hai 1º, 2º nin 3º posto, pero temos que colocalos dalgunha maneira para dárvolos a coñecer polo que o criterio escollido para isto foi a idade. 
Moitísimos parabéns a todos e dunha maneira especial a Alenjar, Manuel e Maya e as súas familias.



Seguide moi atentos todos os participantes ás nosas redes posto que vos avisaremos nos vindeiros días para facer a entrega de premios dunha maneira conxunta coa Anpa.

Moitos parabéns da vosa Libeteca:

SODES UNS ARTISTAS!!!

18 abril 2023

DOAZÓN DE LIBROS EXPURGADOS Á LUDOTECA DO CONCELLO

 Boas rapazada:

Hoxe estivemos na Ludoteca do Concello, que como xa sabedes está no patio do noso cole, fomos ata alí para levar unhas caixiñas de libros expurgados e que os nenos e nenas que asisten lles poidan dar outra vida.




Agardamos que gocedes moito cos libriños. 

E xa sabedes para calquera cousiña... Libeteca sempre na biblioteca.

SEMANA DO LIBRO

 Boas rapazada:

      Como vai todo? Como sabedes neste mes de abril conmemoramos unha data moi importante na nosa biblio que é o Día do Libro,e para isto temos preparadas moitas cousiñas que estou desexando contarvos.

     O alumnado de infantil vai participar nunha actividade que chamamos FAMILIAS QUE CONTAN, que consiste en que algunha familia vai asistir ao centro para contarlle un conto ao alumnado, as titoras serán as que xestionen e organicen esta actividade e os horarios, podendo facelas na aula ou na biblio, como desexen.

      O venres 21,  terán lugar os APADRIÑAMENTOS LECTORES, é dicir que un alumno maior vaille ler a un alumno máis pequeno un conto, cada padriño ou madriña traerá o conto que queira para contarlle ao seu afillado/a.  A distribución dos apadriñamentos será da seguinte maneira, pero se alguén quere facer un cambio con algún mestre só terá que xestionalo entre as persoas interesadas.

·                  

·                                    3 ANOS A: 6º A                       5 ANOS A: 4º A

·                                    3 ANOS B: 6º B                        5 ANOS B: 4º B

·                                    4 ANOS A: 5º A                       1ºA: 2º A

·                                    4 ANOS B: 5º B                       1º B: 2ºB

·                 O ALUMNADO DE 3º LERÁLLE UN AO OUTRO, AMBOS GRUPOS SERÁN PADRIÑOS E APADRIÑADOS.

·          

·                 O domingo día 23 serán publicados no noso blogue os gañadores do Concurso de Reciclaxe de Libros.

·                  O luns día 24 teremos na nosa escola á escritora SABELA FERNÁNDEZ TRELLES que vai facer unhas sesións de contacontos para o alumnado de 1º, 2º e 3º.

·                  E para rematar e que teñades que traballar un chisquiño, imos celebrar o 60  ANIVERSARIO DE MAFALDA, polo que vos imos achegar unha cartolina na que deberedes facer un traballiño sobre a homenaxeada, cada quen o que queira, un debuxo, unha viñeta, unha tira cómica…cando o teñades rematado pegádelo no corredor da entrada, onde está Mafalda e posteriormente imos encadernalos todos facendo un libro para que pase a formar parte dos fondos da nosa biblioteca.

E     Esta semana tamén imos facer unha doazón de libros expurgados para a Ludoteca do Concello.

 Agardo que pasemos unha boa Semana do Libro e que gocedes moito de todas estas cousiñas que vos temos preparadas e eu xa estou desexando ver os vosos traballiños!!

Aquí vos deixo o programa da Semana do Libro:

 Un saúdo
Libeteca

12 abril 2023

CONTACONTOS DA CASA GRANDE DE XANCEDA

 Boas rapazada:

Como vai todo? hoxe quero contarvos que tivemos a sorte de contar con Rosa, que veu dende a Casa Grande de Xanceda para presentarnos a Rosco e contarnos un contiño que se chama Rosco ao Rescate,Misión salvar á natureza, que está enmarcado dentro do noso PDI SOStendo ao planeta, nesta ocasión o alumnado beneficiado desta actividade foi o de 1º e 2º de primaria.

Aquí vos deixo varios documentos gráficos para que vexades o ben que o pasamos.

Primeiro cantamos con Rosco:


E posteriormente aquí vos deixo un vídeo resumo da actividade para que vexades o que me gustou recibir a Rosco na biblio.


E por se queredes saber máis cousiñas de Rosco, deixovos aquí un enlace para a súa serie en Youtube.

Encántame recibir visitas na biblio. Rosco xa estou desexando que volvas vernos!!!
Saúdos 
Libeteca

19 marzo 2023

VISITA DO CLUB BALONCESTO BREOGÁN

 Boas rapazada:

Hoxe estou moi leda porque coñecín en persoa a Maximus, que como todos sabedes é a mascota do Breogán, o equipo de baloncesto masculino da nosa cidade.

Aquí vos deixo unhas fotiños para que sexades testigos deste momento tan importante para min, e un vídeo resumo da visita dos xogadores co noso alumnado.











Moitas grazas a todos por vir, e xa estamos agardando vervos de novo pola nosa escola!!

17 marzo 2023

SEGUNDA CITA DO NOSO CAFÉ CON LETRAS

 Boas rapazada:

Como xa sabedes na nosa biblio estamos tendo un club de lectura entre familias e profesorado, e na súa primeira xuntanza sairon todas moi ledas debido a que foi unha grande xuntanza, sobre o libro, pero tamén sobre outros temas de interese sobre a vida en xeral e a educación en particular.

 Polo que decidiron de maneira unánime repetir a experiencia. 

Nesta segunda cita o libro escollido foi LA CRÍA de Pablo Rivero este libro é un thriller psicológico cheo de tensión que pon o foco na sobreexposición dos menores nas redes…

Agardamos que vos animedes a participar e poder compartir un café e unha conversa ao redor dun libro.


E xa sabedes para calquera cousiña Libeteca sempre na biblioteca!!!

10 marzo 2023

CONCURSO DO DÍA DO LIBRO RECICLA OS TEUS LIBROS!!!

Boas rapazada:

     Como vai todo? Como sabedes no vindeiro mes de abril conmemoramos unha data moi importante na nosa biblio que é o Día do Libro, e para isto, e contando coa colaboración da ANPA, decidimos propor de maneira conxunta un concurso no que podedes participar coas vosas familias.

 

       Este consiste en darlle unha nova vida a un libro vello facendo unha obra de arte, empregando libros e material de refugallo e posteriormente con todos os que traiades imos facer unha exposición, e o xurado premiará aos tres mellores cun agasallo.

 

A data para entregar as obras de arte no concurso será a semana do 11 ata o 14 de abril, e deberedes entrégalo ben na escola aos vosos mestres ou á directiva da anpa que nolo fará chegar.

 

Deseguido póñovos algunha foto de exemplo para que teñades algunha idea do que vos estamos a propor, cómpre lembrar que se premiará a orixinalidade das obras artísticas.

 





 Xa estou desexando ver o resultado das vosas obras artísticas e agardo que vos animedes e que participedes moito.

 

                                                                                 Un saúdo Libeteca.


09 marzo 2023

RIMANDO CON ROSALÍA E COMPAÑÍA

 Boas rapazada: 

Hoxe traio unha actividade que realizamos para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, que como xa sabedes é o 23 de febreiro, e que nesta ocasión e debido á proximidade das datas decidimos conmemorar conxuntamente co Día da Poesía. 

Para isto tivemos a sorte de que a pintora lucense Ana María Rodriguez nos emprestou unhas carátulas de cds nos que aparecía pintada unha muller. 

Nós démoslle ao noso alumnado unha muller a cada aula, e tiveron que investigar quen é e o motivo da súa fama, e despois para traballar a escrita e a poesía  xa que cada quen tiña que facer un pareado relacionado co personaxe.

Unha vez recollidos todos os cds e os documentos cos pareados elaboramos un mural, que podedes ver na seguinte fotografía e que lle chamamos RIMANDO CON ROSALÍA E COMPAÑÍA.  No centro podedes observar de maior tamaño a Rosalía que a traballamos en todas as aulas, dando a coñecer a súa figura e resaltando o seu papel na nosa sociedade e a prol da nosa lingua. 




Agardo que vos guste tanto coma a min!!

Moitas grazas Ana María por facernos este empréstito e xa sabedes para calquera cousiña... Libeteca sempre na biblioteca!!!

CAFÉ CON LETRAS

 Boas rapazada:

Hoxe estou moi leda, xa que foi a primeira xuntanza do noso clube de lectura que chamamos CAFÉ CON LETRAS e como xa sabedes esta vez os asistentes leron o libro de REYES MONFORTE  que se chama UN BURKA POR AMOR, a xuntanza foi moi interesante posto que todas as participantes tanto mestras coma familias, tiveron unha conversa moi enriquecedora tanto do libro como do papel da muller na sociedade, e de diferentes puntos de vista sobre temas de actualidade. 


Xa estamos a argallar a seguinte xuntanza,así que estade atentos que nos vindeiros días informarémosvos de que libro imos ler e cando será a seguinte cita. 


                                        





Moitas grazas a todas por participar e xa estamos a agardar pola seguinte quedada!!

Saúdos Libeteca

CONCURSO EN FAMILIA: BOOKFACE, CREAR ARTE COAS CARÁTULAS DOS LIBROS.

 Boas rapazada: Como xa sabedes este ano, para celebrar o día do Libro, no noso concurso en familia imos facer un BOOKFACE.  Nesta lapela vo...